Saturday 04 de May de 2024

Proseguen as viaxes en veleiro a bordo do Mascato


Neste mes de agosto teñen continuidade as viaxes en veleiro pola ría da Arousa a bordo do Mascato, impulsadas pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), como unha alternativa para coñece-lo patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico costeiro.

As excursións iniciáronse no mes de xullo e rematarán no penúltimo domingo de agosto, polo que as persoas interesadas en sumarse a esta actividade dispoñen de dúas fins de semana para facelo, concretamente, nos días 13, 14, 15, 20, 21 e 22.

A duración do traxecto é de hora e media e as saídas establécense en quendas de mañá e de tarde. O prezo estipúlase en 15 euros para as persoas adultas e 10 euros para nenos e nenas menores de 12 anos, ofrecendo un desconto para as familias. Cómpre indicar que as travesías transcorrerán seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19.

A cabida máxima do veleiro é de 10 persoas, razón pola cal é preciso formaliza-la reserva e compra previa do tícket no punto de información turística -situado na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835. Tamén hai a disposición a páxina web www.apobra.gal/turismo para máis información.